10 de diciembre de 2012






-Vén a este café a diario?

-Si, eu coñezo a Xulio, o dono, desde rapaz. Tiñan La Barra antes, ao lado do Rosalía, e as mesas son as mesmas. Para min é un dos sitios de referencia, igual que ese círculo que é o xardín de San Carlos, vou moito alí e á súa biblioteca, ou ao Dársena. Gústame oír os murmurios para escribir, quizais teña que ver coa experiencia da redacción do xornal e a propia casa. Daquela non había esta idea do teu cuarto, era todo un espazo. Eu aprendín a estudar e ler no medio do balbordo. Paréceme estimulante. Resúltanme suxestivos. Pero gústame ter o propio tobo, e ese lugar é a casa da aldea, en Soneira. Alí remato as miñas novelas, como animal solitario, como un Simbad que despois de navegar ten que parar.

Entrevista na Voz.

Negra e galega


Déixoo aquí porque quero telo á man para lelo outra vez. E, de paso, vos convido…

Furar na trastenda social: a novela negra como metáfora da desintegración

6 de diciembre de 2012

4 de diciembre de 2012

A Galiza en Chile - Andrés Suárez


"Traballo como académico na área da ética aplicada ás organizacións e responsabilidade social”, di Andres Suárez dende o seu ordenador en Santiago, Chile. Non o dí pero é evidente que ten un traballo de moitas horas de estudio, de análise e de reflexión. Tampouco non dí, e non fai falta, que pouco tempo lle quedará para outras ocupacións. Con todo, Andrés Suárez atopou a maneira de alongar as horas do día.


Ainda que a súa formación ten como eixo a xestión e políticas públicas, ademáis de estudiar administración pública, dedicou non poucas horas ao coñecemento dos idiomas: “Gústanme moito as linguas, pola profundidade da palabra e dos seus signos”, apunta.

Quen sabe se foi ese vieiro das palabras ou calquera outro motivo, o certo é que alá polo ano 2002, este home interesado tamén no budismo Theravada, colaboraba co programa de estudos galegos da Universidade de Santiago de Chile. Foi unha achega informal no comezo que, co paso dos anos, colleu oficialidade: dende o 2008 ata comezos deste ano oficiou como coordinador.

Atrás quedaran as súas estancias en Galicia. A primeira delas, no 1998, levouno ao departamento de dereito público especial da Universidade da Coruña. “Logo, fixen os cursos de lingua e cultura galega para estranxeiros en 2001 e 2004”.

Aquela achega á lingua propia de Galicia sementada polos programas coñecidos na terra deron os seus froitos no sur do mundo. Como coordinador, ofreceu clases de galego na Universidade de Santiago de Chile a ducias de alumnos. “Tamén fixen o intento de entablar unha ponte co Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago, producto do cal organizamos conxuntamente conferencias de Culturas Ibéricas, e estiveron invitados a Delegación Vasca en Chile, o Instituto Ramón Llull co seu leitorado, o Leitorado do País Vasco, e o Consulado Español en Santiago de Chile”, apunta.

Non foi o único que fixo dende ese lectorado radicado na capital chilena. “Ademáis, tentei establecer unha canle de cooperación co Lar Galego de Chile, en Santiago, e o Centro Galego de Valparaíso. Producto de isto, foi a celebración conxunta dos días das Letras Galegas no Estadio Español de Santiago e no Estadio Español de Viña del Mar estes anos”, lembra.

Andrés Suárez engade que outra canle de colaboración foi a participación do programa de estudos galegos no curso “Culturas Ibéricas”, cos leitorados de Euskadi e Cataluña e, ata 2011, co Leitorado de Portugal. “Este curso electivo está aberto á toda Universidade de Chile e é unico, porque é unha mostra do abano cultural e lingüístico da península ibérica -explica-. Ao día de hoxe, participan a cultura catalana, vasca, andaluza e galega, e eu -coma representante do Centro Galego de Valparaíso- dou catro seccións de introducción, historia, literatura, é música”. E conta o profesor que este ano hai 20 persoas neste curso, que chegan dende diversas facultades.



Tanto traballo e tantas horas dedicadas á cultura e á lingua de Galicia deixáronlle pouco espazo para o lecer e o descanso, pero compensaron nos moitos amigos e no recoñecemento: “No ano 2009, o Centro Galego de Valparaíso fíxome socio honorario polo meu aporte”.

O ano pasado, colaborou no Libro “(Des)Encuentro de culturas ibéricas: haciendo hablar a la Diversidad”, producto das xornadas do primeiro encontro de culturas ibéricas, editado por Evelyn Soto y Osvaldo Carvajal. E neste 2012, mentres o lectorado de Santiago de Chile deixaba de funcionar polos problemas de orzamento que todos coñecen, aparecía o artigo “El republicanismo gallego en Chile: las Crónicas de Suárez Picallo” , escrito conxuntamente coa profesora Constanza Manríquez.

Chile é un dos países de América Latina co maior desarrollo e nivel de vida. Poboado por 16 millóns de persoas, conta oficialmente con 2.370 galegos inscriptos no CERA. Dende alí, Andrés Suárez non deixa de traballar. Agora mesmo, anda argallando a presentación dun documental “que vai ver o lume pronto”, promete.

1 de diciembre de 2012



“O galego ten futuro porque a sociedade ten unha adhesión moi forte á lingua de Galicia”. Henrique Monteagudo
“Estamos gloriosamente vivos e falantes”. Rosario Alvarez.

                             Cousas ditas esta tarde no Centro Galicia de Buenos Aires.

Culturgal



Pode o Culturgal tamén ter presencia na diáspora? Levar unha mostra pequena, coa axuda da colectividade, pero para deixar ver polo mundo o que temos no eido da industria editorial, da música, do cinema…
                                                                       
     Foto do perfil en facebook

30 de noviembre de 2012


Remata o ano, e a cidade de Bos Aires vai celebrar a España (antes foron outras nacións do mundo). Velaiquí o cartel… como non podía ser doutro xeito, os galegos estamos o centro.

29 de noviembre de 2012

Crise


Ninguén pode dubidar que a lingua galega está a vivir unha grave crise. Pero é unha crise que se insire no panorama moito máis amplo dun cataclismo de alcance histórico. Vivimos tempos moi difíciles. Un xigantesco terremoto económico, provocado pola voracidade insaciable da fracción máis cobizosa do capitalismo especulativo, está a espallar a miseria e a ruína polo planeta e leva camiño de provocar un retroceso de décadas nas conquistas da sociedade civilizada, singularmente na nosa Europa.
Dirixímonosa fume de carozo cara a un modelo social fundado na supremacía do interese privado e a postergación dos intereses comúns, na hipertrofia do individualismo e a liquidación do público, con consecuencias ben coñecidas: un reparto cada vez máis inequitativo da riqueza, a penuria dos servizos sociais e a limitación das oportunidades para o común da xente, una sociedade polarizada entre unha diminuta minoría cada vez máis podente e unha inmensa maioría en constate precarización, co Estado desentendido da sorte da cidadanía e encargado sobre todo de protexer a seguranza e os intereses dos privilexiados. Ante a complicidade dos gobernos, espállase a desorientación e ouvean ceibes polas rúas do vello continente os cans danados dun cínico egoísmo, a xenofobia e os diversos fanatismos. En definitiva, atopámonos en plena travesía acelerada dun Estado de relativo benestar a un Estado de malestar sen paliativos.




Discurso de ingreso á RAG de Henrique Monteagudo. Completo aquí.
Monteagudo e Rosario Álvarez Blanco estarán este sábado, día 1 de decembro, na cidade de Bos Aires ofrecendo unha conferencia aberta e de balde.

28 de noviembre de 2012

Voces baixas

«Ata que me chegaron As voces baixas de Rivas e empecei a alentar. Eran voces cordiais, consoladoras, próximas, que me arroupaban nese non lugar asoballante que ás veces pode ser a memoria colectiva. Corría a elas cando non podía máis co libro de Semprún. Do seu fardel de lembranzas Rivas expurga un mangado de historias que son súas, indefectiblemente súas, pero que transpiran o mesmo latexar de humanidade que cada quen pode atopar no seu propio pasado. Só é cuestión de ollar, e de escoitar, e Rivas ensínanos a facelo. A deixar falar as voces do que somos, dese outro que non deixamos de ser aínda que pasemos media vida a buscalo»


Dolores Vilavedra, no Praza

27 de noviembre de 2012


É conmovedor que existan seres vivos que son quen de facer medrar de novo iso que lles foi arrincado. Ás veces, tamén os países terían que ter a súa oportunidade de ser unha estrela de mar. Seres vivos cunha potencia creadora para repoñer o que outros podaron. Tiven hai tempo unha casa. Mudeime. E chego aquí porque son tempos nos que tamén eu quero ser unha estrela de mar.