29 de noviembre de 2012

Crise


Ninguén pode dubidar que a lingua galega está a vivir unha grave crise. Pero é unha crise que se insire no panorama moito máis amplo dun cataclismo de alcance histórico. Vivimos tempos moi difíciles. Un xigantesco terremoto económico, provocado pola voracidade insaciable da fracción máis cobizosa do capitalismo especulativo, está a espallar a miseria e a ruína polo planeta e leva camiño de provocar un retroceso de décadas nas conquistas da sociedade civilizada, singularmente na nosa Europa.
Dirixímonosa fume de carozo cara a un modelo social fundado na supremacía do interese privado e a postergación dos intereses comúns, na hipertrofia do individualismo e a liquidación do público, con consecuencias ben coñecidas: un reparto cada vez máis inequitativo da riqueza, a penuria dos servizos sociais e a limitación das oportunidades para o común da xente, una sociedade polarizada entre unha diminuta minoría cada vez máis podente e unha inmensa maioría en constate precarización, co Estado desentendido da sorte da cidadanía e encargado sobre todo de protexer a seguranza e os intereses dos privilexiados. Ante a complicidade dos gobernos, espállase a desorientación e ouvean ceibes polas rúas do vello continente os cans danados dun cínico egoísmo, a xenofobia e os diversos fanatismos. En definitiva, atopámonos en plena travesía acelerada dun Estado de relativo benestar a un Estado de malestar sen paliativos.




Discurso de ingreso á RAG de Henrique Monteagudo. Completo aquí.
Monteagudo e Rosario Álvarez Blanco estarán este sábado, día 1 de decembro, na cidade de Bos Aires ofrecendo unha conferencia aberta e de balde.

No hay comentarios:

Publicar un comentario